O monte galego ocupa as tres cuartas partes do territorio. Nas últimas décadas o seu aproveitamento centrouse na produción forestal en detrimento do uso agrícola. O despoboamento do rural, o abandono das explotacións agrogandeiras e unha eucaliptización en alza marcan esta inclinación, nun contexto de cambio climático onde destaca a ameaza crecente dos incendios.
Fonte: aqui |
Galiza perdeu terras de uso agrícola ao longo de 2019. Nese mesmo período, tanto a superficie forestal como os terreos dedicados ao pasto aumentaron. Unha tendencia que marca o aproveitamento do solo en todo o territorio nas últimas décadas, e que, desta vez, confirman os datos publicados polo Sistema de Información Xeográfica das Parcelas (Sixpac) do Ministerio de Agricultura.
As terras de cultivo descenderon en perto de 8.000 hectáreas o ano pasado, até situarse en 310.854 hectáreas de superficie agraria útil. Porén, o total de cultivos permanentes creceu lixeiramente, de 51.770 a 52.094 hectáreas. As árbores froiteiras ocupan a maior extensión, unhas 30.000 hectáreas, seguidas das viñas, con máis de 21.000 hectáreas.
A superficie forestal aumentou en 1.000 hectáreas, até alcanzar un total de 1.086.310 hectáreas distribuídas en máis de cinco millóns de parcelas, o que representa máis da metade de todo o Estado. En canto aos pastos, gañaron unhas 7.000 hectáreas máis e segundo os datos revelados polo Sixpac, xa suman 1.237.543 hectáreas, repartidas en case seis millóns de recintos.
Esta tendencia, a perder terras de uso agrario que pasan a incrementar as hectáreas de monte, e non sempre a superficie forestal útil, aclara o ex director xeral de Montes da Xunta da Galiza, Alberte Blanco, remóntase á metade do século XX, aínda que é máis acusada desde hai 30 ou 40 anos.
Superficie agraria útil
“O incremento da superficie forestal é resultado do maior abandono das terras destinadas aos cultivos. Este desleixo é consecuencia da crise demográfica, que ligada á falta de expectativas e de servizos deixa o rural sen remuda. Crece o abandono da superficie agraria, e do monte, que medra caótico", engade Alberte Blanco.
Nas últimas décadas, o monte converteuse no gran protagonista deste cambio no uso da terra. Dunha banda perdeu aproveitamento agrogandeiro, ao diminuír o pastoreo extensivo. Doutra, gañou masa forestal, destinada fundamentalmente á produción de madeira. E aquí, os eucaliptais marcan a verdadeira mudanza. Non só lle gañaron terreo ao monte raso, tamén conquistaron boa parte da superficie agraria útil que se deixou de cultivar. En 2017, segundo datos da Consellaría de Medio Rural, o eucalipto estaba presente en 425.000 hectáreas, 180.000 máis das previstas na planificación da Xunta.
Este proceso comezouse a xestar nos inicios do século XX. "A finais do século XIX o monte arborado era moi escaso no noroeste do Estado. As políticas forestais eran un papel en branco e, nese momento, as decisións que se adoptaron orientáronse cara un modelo produtivo que había favorecer unha industria aínda inexistente", explica Eduardo Corbelle, profesor do departamento de Enxeñería Agroforestal da Escola Politécnica Superior de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela.
O monte gaña terreo
Durante o franquismo tamén se alentaron decisións en prexuízo da superficie agraria e en favor do monte. Un incentivo para o cambio no uso do solo que comezou coa promoción de campañas de plantación de piñeiros e eucaliptos. Ao mesmo tempo, o gando foi deixando de aproveitar o monte. Dous xiros que se consolidaron coa entrada do estado español na Comunidade Económica Europea (CEE) e novas medidas gobernamentais en beneficio do monte.
A partir de 1986 as cotas lácteas víronse reducidas. Cos topes máis baixos, o desenvolvemento do sector leiteiro minguou, e as explotacións agropecuarias comezaron a ceder. A primeira gran reforma da Política Agraria Común (PAC), en 1992, tamén contribuíu con axudas específicas para a reforestación das terras agrícolas que os produtores agrogandeiros ían deixando atrás.
Sem comentários:
Enviar um comentário